martes 8 de septiembre de 2009

Ollos de auga



O vello de coiro e pedra
recolle agarimoso os cabos,
embarca o can e largando amarras
volta enfiar o camiño das illas.

Hoxe, seus ollos de auga
escintilan na ardentía
hoxe lánzase ao mar co soño
prendido na alma, nas mans.

Debuxando estelas na noite,
avanza paseniño nun vento
inconstante de neboeiros
por vez mais mestos.

Brúa a serea do faro
para desacougo de viuvas,
bruído podre de ánimas
enleadas na brétema.

Soña con durmir no aloumiño
morno e doce dos seus brazos,
e non desexa agardar máis
entre lembranzas esvaídas.


Pronto varará a vella barca
na praia para ir buscala,
así o pregoan as gastadas
mans firmes no leme.


Seu corazón estremécese
como aquela primeira vez
cando ela lle sorriu
iluminando a sua alma.

Encendido ca esperanza
sabe que de non chegar
tan so espera o xardín
submarino das sereas.

Hoxe, non teme

esta noite, non

miércoles 24 de junio de 2009

Lume





Lume de san Xoan
queimando os atrancallos
da vida vella, dos días
de feluxe e ferro.

Lume que atravesa
os baleiros siderais
ofrecendo sua luz
a vellas estrelas.

Lumeiras de xuventude
engalanando as praias,
o viño ceiba aturuxos
en gorxas espidas.

Lume das mil danzas
vestindote de faiscas,
debuxando teu corpo
en contornos de luz.

lume aquecendo a noite
acendendo teu ollar,
abrasando o alento
que berra teu nome.

miércoles 10 de junio de 2009

Varada




Proa ao Sul onde moras,
barloventeando lixeiro,
fendendo olas de prata,
sulco este mar na percura
do teu sorriso.

Cabaliños de mar brincan
nos teus limpos ollos,
herba de namorar na man,
aloumiños insinuándose
no movemento dos dedos.

A barca varada na area,
os corpos apretados,
ti en min, eu en ti
arolándonos no son
poderoso do mar.

Nese intre, cando
a noite vai esvaendo
os contornos do mundo,
bicámonos urxentes
para non desaparecer.

domingo 7 de junio de 2009

Atoparte






Brincando no vento do Sul,
portador de bicos de verán.
Nas praias batidas polo mar,
anunciando aloumiños de auga.
Na raiola do sol da ventá,
nese tránsito a noite de
verbas deslizadas,lenes,
arredor da lareira.
Nas sabas do leito,
durmindo prácida
ao meu carón.
Nas palabras da mañán,
voando do sono a ti.
No acobillo doce
dos teus brazos
percorrendo as ruas
ateigadas de xente.
Bicando os teus beizos
en tódolos recunchos,
semáforos, prazas.

viernes 22 de mayo de 2009

O niño




Hoxe e o día,
o niño baleiro
pregoando viaxes.
Estrean as azas
os pequenos pardais,
voan preto do niño
preto do acobillo
doce das ás da súa nai.
Enfronte, a liña do horizonte
marca o cabo do mundo coñecido,
a liña que espreito
na percura dos sinais
para reaxir,
voar,
mais aló,
máis aló de esa liña
que pecha o mundo
pequeno.
Escribindo palabras
neste non diario,
co solpor anunciando
noite de lúa na ventá
observo ,leo,
soño.
Vou amor,
voarei onda ti esta noite

jueves 14 de mayo de 2009

Auga salgada




Eras a auga
e eu, tiña sede.
Eras o lume,
e eu, tiña frio
Eras o vento
e eu, precisaba
respirar.
Eras a luz
e eu, andaba na noite.
Eras un espirito ceibe
e eu, precisaba liberdade.
Hoxe, camiño ao teu carón.
Hoxe, eu, son feliz
percorrendo libre
os camiños,
reflexándome na luz
dos teus ollos,
respirando o arrecendo
de lilas
nos teus cabelos,
ardendo no calor doce
do teu corpo,
bebendo nos teus beizos
a auga salgada da vida.

jueves 7 de mayo de 2009



A rosa assomou-se à janela, pálida com o fresco da manhã.
Tão só um anjo pode recuperar seu rubor da noite e , meu amor,
ti és o anjo que dá a vida a cada amanhã ao acordar.
Meu beijo de rosa para meu anjo, Meu beijo de anjo para a minha rosa.



Adicado a dúas anxos amigas que son belas rosas da roseira máis fermosa do xardín. Dende eiquí, desexolles toda a felicidade para elas.
Tamén é para meu amor, porque ela é anjo e a minha rosa do mencer

martes 5 de mayo de 2009

Vestida de Lúa


A lúa vestiu de prata
teu corpo espido
de doncela belida.
Muller universo,
muller con recendo
de supernovas.
As estrelas ollan
o teu mirar e vanse
paseniño polos camiños
do ceo, marcadas polo
azabache dos teus ollos.

domingo 1 de marzo de 2009




O SORRISO

Creio que foi o sorriso,
o sorriso foi quem abriu a porta.
Era um sorriso com muita luz
lá dentro, apetecia
entrar nele, tirar a roupa, ficar
nu dentro daquele sorriso.
Correr, navegar, morrer naquele sorriso.
Eugenio de Andrade

(O OUTRO NOME DA TERRA)

jueves 29 de enero de 2009

Acobillo




Espértasme con cancións, con aromas de bosque e
lévasme ás fermosas paraxes da nenez espida.
Recendo de xara con fondo de cigarras
escintilan nos teus ollos pretos.
Afastas o meu medo con palabras rumoreadas
na noite escura e guíasme por corredoiras
luminosas de reflexos tornasolados.
Quéroche e non podo deixar de berrarlo
aos catro ventos,en cada palabra,en cada aceno,
sorriso, berro, bagoa, alento, mirada.
Horas de ferro, xeo, feluxe e raiba cega
por mal de ausencias pola falta da amada.
Navalla, pólvora, sangue e espada, alancando
en campo de minas, esquencidos en terra de ninguén,
sen acobillo nen acougo nesta terra infame.
Lévame hoxe ao teu mar de sereas con xardíns de algas,
ven e perfuma a miña alma cos teus recendos segredos.
Varado na praia, náufrago de mil singraduras por mares
abatidos, de tempestades,cons, fauces abertas.
Quero hoxe rematar as duras travesías polos mares sen fin,
de augas feroces espreitando as almas de limpos mariñeiros.
Afasta de min o medo, a oscuridade fria, o cheiro de morte,
a podremia, a soidade de unha vida sen acougo nen destino.
Con lene aloumiño na miñas fazulas,amor,revive outra vez
o meu corazón, cansado, vello.
O teu alento é a miña vida. A túa saliva , a miña auga.

domingo 25 de enero de 2009

Espertares


Sento a túa respiración sosegada moi preto, aloumiñando as miñas fazulas. Contemplas o meu durmir tras noite de cama alborotada. Acaríñasme suavemente e a calor da túa pel esperta o corpo canso.
Xogo a non acordar, a non sair do sono porque, sempre temo que non esteas aí, que tan só sexa un mais dos doces soños que protagonizas as noites que non estás comigo.
As túas caricias, cada vez mais ousadas, dinme que esta madrugada vai ser distinta. o abrazo en que nos entregamos ao soño vai traer novos agasallos.
A deusa fortuna foi hoxe xenerosa. bicas os meus beizos e déixome facer sorrindo. Comezamos a antiga e poderosa danza do desexo, a que me fai vivir en ti .

jueves 22 de noviembre de 2007




Noite de luar

Millóns de estrelas viraron a ollada
cara ti, núa entre os argazos.
Levas cabeleira en desorde, mollada
atesourando recendos salgados.
Segredos velados na fonda mirada
escintilando con lumes dourados.
Deixa os paseos, miña namorada,
nos escuros xardíns dos afogados.
So a luzinha na area, lene pegada,
delata os nosos amores sonhados